Wednesday 15 de May de 2024

O Concello remata as obras de ampliación da pasarela peonil entre Pedralonga e o colexio Santa María del Mar, mellorando a accesibilidade na avenida da Pasaxe


A área de Economía e Planificación Urbana completou a instalación dunha nova estrutura metálica que facilita o acceso directo á pasarela orixinal ás persoas con mobilidade reducida

O Concello da Coruña, a través da área municipal de Economía e Planificación Urbana, rematou recentemente os traballos de instalación da nova estrutura metálica que amplía a superficie da pasarela que conecta o lugar de Pedralonga coa contorna do centro educativo Santa María del Mar, mellorando a accesibilidade peonil no treito comprendido entre a senda do lugar de Pedralonga e a avenida da Pasaxe.

Anteriormente, o acceso peonil entre o carreiro e a beirarrúa esquerda da avenida só estabahabilitado a través dunhas escaleiras, lindeiras á marquesiña de autobús urbano e próximas á pasarela. Por este motivo, e co obxectivo de solucionar esta problemática de accesibilidade, levouse a cabo o aproveitamento do noiro situado na parte traseira da marquesiña, onde xa se completaron anteriormente os traballos necesarios de escavación e cimentación, previos á instalación do novo treito de pasarela, de 16,50 metros de longo.

Neste novo treito, que facilita o acceso directo á pasarela orixinal ás persoas con mobilidade reducida, o servizo municipal de Infraestruturas habilitou un sistema de protección peonil mediante a disposición de varandas de barras metálicas que, bordeando a superficie de paso, permite un reforzo na seguridade das persoas usuarias. Os últimos detalles desta intervención ultimáronse durante o pasado mes de agosto.

Ademais, na zona de acceso desde a senda de Pedralonga ao novo treito da pasarela dispúxose un pavimento de formigón con baldosa podotáctil, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.